21 de abr. de 2020

Información para as familias

Estimadas familias:
O pasado venres a Consellería de Educación publicou orientacións provisionais para o desenvolvemento do terceiro trimestre, á espera de que o Ministerio estableza a normativa estatal correspondente.
A continuación fago un pequeno resumo delas:
-          Mantense o calendario escolar, e o curso finalizará o día 19 de xuño. A intención da Consellería é voltar ás aulas antes de que remate o curso sempre e cando a situación sanitaria o permita.
-          Coa finalidade de axudar ao alumnado a organizar as súas actividades escolares, autorregular a súa aprendizaxe e manter un bo estado emocional, os centros educativos adaptarán o modelo de titorías á nova situación, e organizarán accións de orientación académica e profesional cos medios dispoñibles, especialmente para o alumnado de 4º de ESO, 2º de FP Básica, 2º de Bacharelato e 2º de FP de grado medio.
No noso caso o profesorado está a contactar con vós a través de diversos medios: correo electrónico, whatsapp, chamada telefónica, abalar.
Se nalgún momento precisades contactar co colexio, en horario de 09:00 a 13:30, chamade ó número 881880456. Tamén podedes facelo por correo electrónico na dirección ceip.eugenio.lopez@edu.xunta.es
-          Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. 
            Se enviamos o material da terceira avaliación é porque se pode utilizar para repasar contidos e, por se nalgún momento cambian as instruccións da Consellería e se pode avanzar materia, tedes o material no voso domicilio.
             Se algúns de vós recibíchedes material que non correspondía e outro material quedou na aula sen entregar, foi responsabilidade miña.
-          A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas.

O traballo que estades a facer tanto as familias cos vosos fillos como o profesorado é novidoso e non é o propio porque non estamos preparados para esta situación. Os mestres e mestras conseguiron artellar unha forma de ensino-aprendizaxe de diversos xeitos, de feito continúan innovando e probando novas ferramentas: co blogue (do colexio e blogues privados), correo electrónico, whatsapp, google classroom, instagram, …
Rogo que sexades respectuosos á hora de enviar as tarefas evitando na medida do posible as fins de semana ou horario de madrugada; agás que vos poñan unha data límite para facelo.
Asimismo, prego que agardedes a que vaian correxindo as tarefas sen inmediatez, porque é un proceso lento descargar un arquivo, correxilo e reenvialo. 


Rubén Pérez Trigo, director

Ningún comentario:

Publicar un comentario