1 A POESÍA É UNHA
BARRICADA DE PALABRAS REBELDES que
ilumina o camiño da vida e deita luz sobre o mundo. A poesía non morde , non manca e, aínda que
haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin cursi, nin difícil. E hai
moitos tipos de poesía para que elixamos.
2 A POESÍA SERVE PARA LER, CANTAR, DISCREPAR, BERRAR,
RECITAR, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou
unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben,
unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar e aguiza o
pensamento. Serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non
veñen no dicionario.
3 OS POEMAS SON COMO CAIXAS DE FERRAMENTAS, VALEN PARA TODO:
para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos,
para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos,
recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos
na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para
devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. A poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os granos da
cara, os pés planos, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor,
as indixestións, os enfados, a ansiedade e as gripes.
4 A POESÍA PODE ESTAR NAS COUSAS QUE NOS RODEAN A DIARIO,
nas letras das cancións, no graffiti da parede do barrio, na soidade, no
supermercado, nun sorriso inesperado, na moto, nas causas xustas, no váter, na
esperanza, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no ceo
cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti
queiras .
5 O IMPORTANTE DA POESÍA NON É OBSESIONARSE CON DESCIFRALA senón
saber sentila, gozala e intuíla. Na poesía reconforta sentir a forza das súas
palabras, o seu ritmo, a súa musica, a súa sonoridade, as chiscadelas que por
veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus
enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.
Fran Alonso
Forman un trío tres instrumentos.
Uns son de corda, outros de vento.
Un cuarteto catro amores.
Un quinteto cinco flores.
Un sexteto, seis olores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario