18 de nov. de 2012

Os participantes no Claustro da Catedral de Santiago.

Domingo de Andrade guía aos seus veciños por Compostela.                 Sesenta ceenses visitaron en Santiago ou legado do mestre do barroco galego.                                        

Tal vez porque do que se trataba era de achegarse a un dos sinais de identidade de Santiago -a arquitectura de Domingo Antonio de Andrade- a cidade recibiu onte ao grupo de veciños de Cee que se desprazaron ata alí con outro dos seus elementos máis definidores, a chuvia.
Víctor Castiñeira
Os sesenta visitantes, comandados polo técnico municipal de Cultura, Víctor Castiñeira, estiveron acompañados durante todo o día pola auga, que os obrigou a facer algún cambio de plans, pero que non logrou apagar as ganas de todos eles de gozar da obra dun dos seus veciños máis ilustres, aínda que non sempre suficientemente recoñecido.
«Si que sabía quen era Domingo Antonio de Andrade, pero non tiña nin idea da súa importancia nin da influencia que tivo a súa arquitectura, sorprendeume. En canto volva a casa buscarei máis información sobre el», recoñecía José Antonio Pérez, un dos participantes nesta viaxe que xuntou a veciños de todas as idades, mesmo nenos de poucos anos, como a súa filla Paula, e que serviu de colofón ao programa elaborado polo Concello de Cee para conmemorar o terceiro centenario do  pasamento de Andrade.
Sara Pérez co seu pai




                   A Torre do Reloxo e a fermosa cuncha pétrea coa que o arquitecto solucionou o problema de comunicar a planta da catedral coa ala norte do claustro foron unha das primeiras paradas do grupo, que aproveitou o soportal do edificio de Correos, para contemplar outro dos monumentos onde o arquitecto deixou a súa pegada, o pazo Fonseca, e coñecer algúns detalles sobre a súa vida en Compostela.
Con outro experto ceense, Antonio Francisco Leis Castro, aportando tamén os seus coñecementos e a experiencia de ter sido guía da catedral, os visitantes internáronse logo na basílica compostelá para admirar o baldaquino e o tabernáculo do altar maior, así como a capela do Pilar e a da Concepción, onde repousan os restos de Andrade.


O museo, cunha nova parada no claustro para gozar da Torre do Reloxo desde outra perspectiva, deu paso ao ascenso á cuberta da catedral para gozar dunha visión privilexiada do conxunto monumental compostelán, que Andrade axudou a configurar coas súas obras.
Tras un alto no camiño para repoñer forzas, o grupo, do que formaron parte tamén o tenente de alcalde, Daniel Oca, e o pintor Luis Guillermo Guerra, dirixíronse xa pola tarde ata outra das construcións máis senlleiras do arquitecto, San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego. Alí puideron coñecer a súa obra desde outro punto de vista, o dos planos que serviron de intermediarios entre o maxín de Andrade e as construcións finais que contribuíron a facelo inmortal.

  18 de novembro de 2012.      

Ningún comentario:

Publicar un comentario